GRACIELA SACCO ·   obras  ·   textos  ·  cv


Sombras que perforan a rúa

Dejo mi sombra,
una afilada aguja que hiere la calle.
S
ebastián Salazar Bondy


Quen pode dubidar de que Platón, coa súa metáfora da caverna en sombras, non pensaba realmente nun cuarto escuro, e que os seus habitantes, que se deleitaban con borrosas imaxes, preferíndoas á dura luz diúrna da verdade, non eran senón fotógrafos?

Da caverna fluíu unha cascada de imaxes, representacións, semblanzas. É que soamente nun lugar escuro, no a la luz del sol, o misterio da luz pode ser testificado e anovado. Que sexan os outros os que interpreten esas sombras, os que distingan a realidade da "ilusión". Os moradores da caverna en sombras conténtanse con negociar tratados entre a luz e a escuridade, tratados que poden ser derrogados nun intre ou durar eternamente. Iso non é o que os preocupa. e cando alguén os desafía a amosarlles o mundo tal cal é, eles din, "vostede sabe como é o mundo. Eu podo amosarlle só como é visto o mundo".

Na caverna de Graciela a observación das sombras materialízase, eu percibo a presenza doutros trogloditas, aqueles primeiros espectadores da súa propia sorpresa, como ela mesma di. Está Nicephore Niepce, cuxa placa de prata era como a pedra de Michelangello, chea de formas e de figuras que agardan ser liberadas. Tamén Henry Fox-Talbot, quen se deleitaba nas pequenas imaxes da súa cámara "trampa de rato", unha cámara non maior do tamaño dun rato. Sería así como un rato vería o mundo, ou como o mundo se vería se fósemos ratas? Ningunha das dúas. É como o mundo se vería fotografado, se fósemos ratas. Sobre todos, está Etienne-Jules Marey, quen produciu a primeira imaxe dun paxaro a voar. Divino creador: inventara a fotografía de alta velocidade, deseñara arterias de plástico para transportar sangue, intentara construír un avión antes que os irmáns Wright A súa "cronofotografía" asasinaba o tempo para logo resucitalo, atrincheirábao en intres visuais, só para intentar un reensamblaxe. De ter éxito, tería feito a primeira película en movemento. A partir de fragmentos de tempo, el buscou producir a ilusión máis dificultosa: a de continuidade.

Aínda que ela denominou o seu método heliografía, seguindo a Niepce, é a Marey a quen Graciela Sacco se asemella. Non tanto na súa curiosidade técnica senón no sentido dos paradoxos inherentes á fotografía. Ela recupera imaxes inertes da eternidade amnésica dos xornais de onte e ponas en movemento en valixas ( O emigrante, O secreto ), o revive a súa forza localizándoas no feixe dunha lanterna ( Un lugar baixo o sol ). É unha forza que nunca posuíron na folla impresa porque a forza xorde do recoñecemento de que a luz e a imaxe emerxen xuntas, dun contorno necesariamente escuro, e con elas a visión e a conciencia. Máis recentemente, ela trouxo á vida imaxes usadas, transformándoas con plexiglás nunha complicada obra teatral de sombras, unha obra que inclúe o espectador como protagonista ( Sombras do sur e do norte ). Non é sorprendente que na exhibición actual Graciela incorpore o vídeo ao xogo de imaxes. Na súa procura das fronteiras entre a imaxe continua e discreta, entre dous estados da experiencia visual, ela produciu un híbrido. Esta pugna sobre os límites da imaxe, forzando revelacións perceptuais e conceptuais, lémbrame a Marey.

Pero Graciela é unha poetisa, non un científico, e o seu proxecto é poetizar o mundo, non é diseccionalo nin informalo. Cando ela se apropia e reposiciona as súas imaxes anónimas (ás, bocas, xente camiñando, formando fila, apuntando armas, lanzando pedras) a intervención escurécese e complica toda a realidade Isto é, toma os significados das cousas, que se aparecen tan claros que se volven invisíbeis, e tórnaos incertos, ambiguos, suxestivos, abertos. No mesmo intre vólvense visíbeis novamente e enigmáticos. É unha parede con ollos aínda unha parede? É unha porta con ás soamente unha porta? É unha protesta ou unha afirmación? É algo que miramos ao paso ou unha chamada á acción? As súas xustaposicións nunca son tan arbitrarias como para seren ignoradas, nunca tan obvias como para morreren na Iiteralidade" Ela trae a escuridade da caverna ao mundo de luz diúrna, sombras que perforan a rúa, en palabras de Bondy. Pensar no verbo asombrar: dar sombra, sorprender. Este é o seu modo de insurrección. Ela non presenta un punto de vista, desestabiliza o sentido da vista. Ela non ofrece un programa, renova as posibilidades.

Lyie Rexer Brooklyn,
New York


subir