OLAIA SENDÓN   ·   obras  ·   textos  ·  cv


Olaia Sendón

SINOPSIS DE "OS FABULOSOS IRMÁNS DA LUZ"

Pregúntome, se gardaran os espazos memoria do que teñen sido.

O telón se baixa, as luces se apagan.

A derradeira sesión.

A xente, que outrora encheu as sás deixa paso aos habitantes silenciosos do paso do tempo. As arañas tecen o seu fío e as pinturas antes luminosas apáganse e rómpense. Unha atmósfera de pó circula libremente entre as butacas onde as polillas construiron as súas casas.

Ruinas, Ruinas………… Plástica mestura de espazo e memoria.

Unha voz triunfal e case circense rompe o silencio:

Sras e Srs Benvidos ao espectacular fenómeno do cinematógrafo…… Luces e sombras oscilan e dan forma aos espazos mortos que por un momento recuperan os ecos do que foron.

¿Que son Os fabulosos irmáns da luz?

Os fabulosos irmáns da luz e o cine como fenómeno colectivo.

Lumières vs. Edison

Sempre se opoñen as dúas formas de entender o cine, a de Meliès (cine=espectáculo circense) e a dos irmáns Lumière (cine=pegada da realidade). Esta diferenciación, moi importante sen dúbida ningunha, non é a única que se estabelece e existen outras dúas maneiras de entender o cine que para este proxecto son máis importantes. Estou a falar do cinematógrafo dos Lumière vs o quinetoscopio de Edison.

A diferenza entre as dúas concepcións estaba en que Edison propoñía un espectáculo privado mentres que o dos Lumière era colectivo. Ao meu ver, e a pesar de que durante moitos anos foron os Lumière os gañadores deste reto, creo que hoxe en día a concepción de Edison do cine como un espectáculo privado e unipersoal é a que impera. Falo dende a perspectiva do feito de que moita xente disfruta hoxe en día do home cinema e das macro-salas de cine (as outras xa non existen), que tenden a facer desaparecer o resto dos espectadores.

Podemos dicir que o cine como espectáculo circense desapareceu hai moito tempo, pero tamén (e isto non dende hai tanto) o cine como espectáculo colectivo onde os espectadores forman parte activa nel.

Outro dos cadáveres que quedou atrás é a fascinación pola imaxe cinematográfica en si mesma. Até ben entrados os anos 70 existen anécdotas nas que se demostra que a imaxe cinematográfica posuía unha potencia en si mesma de enorme magnitude. A intanxibilidade, o realismo e mesmo as grandes dimensións xeraban impresións imposíbeis de compartir para o espectador actual, que nace rodeado de imaxes.

Os fabulosos irmáns da luz intenta ser un recordatorio do cine itinerante pero tamén dos cines de vila, con toda a súa liturxia e afluencia.



subir